luns, 9 de marzo de 2015

Escultura de Cuir




Ola, son Núria Clotet Simon do taller Escultura de Cuir e son a encargada de contestar a estas preguntas sobre o noso oficio. Tamén me gustaría agradecer á xente que está a facer posible esta exposición sobre o coiro cun titulo tan próximo ao noso traballo: "Coiro... aínda que non ou pareza. "
¿Cómo empezaches no coiro?
A miña formación no oficio é esencialmente directa, xa que bebe das fontes que fai xa case 30 anos o crearon. Estou a falar do oficio da creación de esculturas en coiro. Todo empezou en Francia onde unha parella de artesáns do coiro deron un novo sentido á técnica veneciana do modelado da badana, aplicándoa á arte figurativa. Eles, Corinne Lancelin e Joel Dethy, ensináronme o oficio. Eu ensineillo á miña nai Rosa Simon Pujols e o meu compañeiro Xavier
Guillaumet Calabuig. Os tres traballamos no noso taller Escultura de Cuir.



-¿Cómo descubriches o nobre material?
O coiro, como xa dixen antes, descubrino a partir de descubrir o traballo dos meus mestres. Pero de descubrir o coiro a coñecelo, foi un proceso lento. Primeiro empecei recortar patróns, onde descubrín que a pel non é papel, e que non é regular, e que cambian moito as propiedades dependendo que parte cortase. Polo tanto, dependendo de que debe servir un patrón, é moi importante encontrar a parte coas propiedades axeitadas.

Despois xa empecei a modelar. Non foi nada doado. Tiña que recrear o efecto que dá a gravidade na roupa dos personaxes; facer que os personaxes tivesen unha expresión corporal verosímil, e non só iso, que expresaran cousas, en certo modo, que tivesen alma. Era moi habitual pasarme un puñado de horas intentando facer un personaxe e que este non se puidese aproveitar para nada. Paseime moitas horas no taller traballando para que me saíse un produto digno. Fixábame na caída de todas as teas que vía, en como poñía os brazos e as pernas á xente do meu arredor para traballar ou expresarse. Estaba gratamente obsesionada, xa que encontrara a miña vocación.

Ao pouco tempo me atrevín coa pintura. Pintamos o coiro con aerógrafo e cores translúcidas, así conseguimos unha alta gama de tonalidades, reforzando a intensidade das dobras do coiro. Foi un pracer aprender a pintar. Ir combinando capas de cor e crear cores novas cunha pequena combinación de cores primarias.
O proceso de aproximación ao coiro foi similar para o resto de integrantes do taller.

-¿Que ten o coiro que non teña outro material?

O primeiro que me vén á cabeza é o seu tacto e olor. No noso oficio o que valoro máis é a súa elasticidade para o modelado, a medio camiño entre o barro e o papel, pois modelamos o coiro coas mans coma se fose barro, pero lle damos tridimensionalidade a un material esencialmente bidimensional como é o coiro, coma se fose papel. Ademais, a textura do coiro permítenos conseguir acabados realistas que os nosos personaxes fantásticos necesitan.

-¿Dentro das técnicas que coñeces cal é a túa favorita?
Actualmente empezamos a coser e pirograbar coiro, pero a técnica máis usada no taller é o modelado do coiro con auga. Esta técnica é a base creativa do noso taller. O uso do aerógrafo para pintar as pezas é unha técnica moi versátil, que nos proporciona unha gran liberdade nos acabados.

-¿Que peza tes ganas de facer e aínda non fixeches?
Temos moitas ganas de ampliar o catálogo de personaxes do taller, así como abrir novas coleccións. Te ganas de empezar a facer animais, elefantes, rinocerontes, galos, dragons... e seguir coa colección de coches clásicos en coiro, que actualmente só conta coa furgoneta WV T2, ampliándoa co WV beattle, C 2 CV, seat 600. Tamén nos gustaria ampliar a oferta de bixutería, creando novos tipos de follas e motivos ornamentais.

-¿Que consello lle darías a alguén que está a empezar?
Recomendaría perseveranza, intentar as cousas unha e mil veces ata conseguir un traballo digno de ser compartido, e nesta perseveranza adquirir a habilidade suficiente para que traballar o coiro sexa como andar ou respirar, entón non descoidar os pequenos detalles, dedicándolle a cada peza o tempo necesario para que sexa única.
Feiras e exposicións son bos laboratorios para probar o teu traballo, xa que hai miles de ollos que valoran, critican, gozan e rexeitan a túa obra. Ser capaz de aprender dos clientes é vital para manter a túa obra con vida.

-¿Tes algunha ferramenta "especial"?
Utilizamos ferramentas moi comúns, tesoiras e marcadores de pel. Quizais a ferramenta máis usada sexa as nosas mans, xa que modelamos a pel con elas.
O aerógrafo sería a ferramenta máis sofisticada que utilizamos.

Se queredes coñecernos máis, recentemente actualizamos a nosa traxectoria no noso blogspot. Pásovos o link:
http://esculturadecuir.blogspot.com.es/2013/04/trajectoria.html












Nuria

Rosa

Xavi




Ningún comentario:

Publicar un comentario